O CICLO

Programación cinematográfica para institutos. A programación consta de catro sesións que se proxectarán de outubro a marzo. Todos os pases teñen lugar na sala de cine do CGAI.

No contexto social actual as imaxes prodúcense e recíbense sobre todo como produtos de consumo, por iso é necesario e urxente poder acceder ao cine como arte. Con este fin, elaborouse unha programación que nos quere achegar ao cine como creación artística, ás miradas dos cineastas sobre o mundo e a súa forma de traballo. O obxectivo é aprender a ser espectadores capaces de analizar os procesos creativos e expresivos da arte cinematográfica e, sobre todo, aprender a gozar (porque tamén o deleite, talvez aínda máis que calquera outra cousa, procede dunha aprendizaxe) dunha aproximación sensible ao cine, ás súas materias, ás súas formas e ás súas emocións.

A elección das películas. O conxunto das películas que configuran a programación ofrece a posibilidade de ver un tipo de cine habitualmente marxinado polas pantallas comerciais, e ao mesmo tempo, descubrir a amplitude e a riqueza do patrimonio cinematográfico. Por iso, a selección das películas fíxose tendo en conta a diversidade de estilos, e, polo tanto, de formas de facer cine.