2011-2012
Vistas Lumière. Francia, 1895-1899. 90 min aprox. Sesión comentada por un profesional do cine
Os irmáns Lumière inventaron o cinematógrafo e tamén o cine. Fixeron os primeiros filmes da historia (planos únicos de menos dun minuto) e convertéronse en mestres das que aínda hoxe son as cuestións fundamentais do cine: o valor do plano, o seu inicio e final, o encadre, a distancia e a posición da cámara, o ritmo…
As Vistas Lumière, ademais, permítennos descubrir dun modo privilexiado o mundo de finais do século XIX.
Despois da proxección de cada vista analizaranse detalladamente estes aspectos e propoñerase aos alumnos que participen no comentario.
Que traballamos?
- As eleccións cinematográficas fundamentais: que filmar?; como encadrar?; onde situar a cámara?, cando iniciar a filmación?
- O valor do plano como unidade de creación
- O mundo de finais do século XIX
- Imaxinar posibles vistas Lumière no século XXI
Los cuatrocientos golpes. François Truffaut. Francia, 1959. 94 min.
A primeira longametraxe de François Truffaut é sen dúbida un dos seus proxectos máis persoais. Narra a historia de Antoine Doinel, un mozo tras de quen se esconden moitos elementos autobiográficos do propio cineasta. Durante o filme acompañaremos a Antoine ao longo de innumerables peripecias, asistiremos aos seus intentos por lograr a felicidade (especialmente nos seus paseos polas rúas de París e nas súas escapadas ao cine xunto co seu amigo René) e ás sucesivas decepcións que terá que afrontar. Viviremos xunto a el innumerables emocións e sentimentos (a amizade, a tristeza, a decepción, a rabia…) que Truffaut transmite cunha intensidade excepcional baseada no uso expresivo dos parámetros esenciais da creación cinematográfica.
Los cuatrocientos golpes, ademais, é unha película que ocupa un lugar fundamental na historia do cine, pois data o inicio da “Nouvelle Vague”, e con ela, do cine moderno. Unha obra de referencia para moitas xeracións de cineastas e cinéfilos, formados sentimentalmente tras os pasos de Antoine Doinel.
O personaxe e as súas emocións. 90 min aprox. Sesión comentada por un profesional do cine
Unha das marabillas do cine é a súa capacidade de xerar empatía cos personaxes, de emocionar o espectador. Os grandes cineastas expresan as emocións a través do traballo cos parámetros expresivos do cine: a escala do plano, o xogo entre nítido e flou, a profundidade campo, os movementos de cámara, a montaxe…
Na sesión, un profesional do cine analizará como se xeran estas emocións e como foron traballadas polos cineastas. Veranse fragmentos de cineastas como Gus Van Sant, Hou Hsiao-hsien, Hirokazu Kore-eda ou Maurice Pialat.
Que traballamos?
- Os parámetros expresivos do cine
- Modos de traballar de grandes cineastas de estilos diversos
- Construción das emocións dos personaxes no guión, na rodaxe, na montaxe
Million Dollar Baby. Clint Eastwood, Estados Unidos, 2004, 132 min
Maggie e Frankie son dous solitarios. Maggie está a piques de cumprir 32 anos e traballa nun triste bar, onde come as sobras dos clientes para aforrar e poder cumprir o seu soño: converterse en boxeadora profesional. Frankie vive atormentado sen conseguir recuperar a relación coa súa filla, a quen hai anos que non ve e que se nega a ler as cartas que lle envía cada semana. Tras ver un combate, Maggie pídelle a Frankie que a adestre, pero este négase en rotundo: non pensa adestrar a unha moza. Non obstante, o tesón, a constancia e a ilusión dela, e sobre todo a mediación de Dupris, o único amigo de Frankie, farán que acabe aceptando. Nacerá entón unha intensa relación de complicidade, admiración e cariño. Pero o destino parece reservarlles un último golpe aos protagonistas.
Coa súa mestría narrativa habitual, unha filmación sobria e delicada, respectuosa cos seus personaxes, e sobre todo cunha fotografía e un traballo de luz extraordinarios, Eastwood constrúe unha emocionante historia de compromiso, amizade e profundo afecto.
2010-2011
Los cuatrocientos golpes, François Truffaut. Francia, 1959. 94 min.
A primeira longametraxe de François Truffaut é sen dúbida un dos seus proxectos máis persoais. Narra a historia de Antoine Doinel, un mozo tras de quen se esconden moitos elementos autobiográficos do propio cineasta. Durante o filme acompañaremos a Antoine ao longo de innumerables peripecias, asistiremos aos seus intentos por lograr a felicidade (especialmente nos seus paseos polas rúas de París e nas súas escapadas ao cine xunto co seu amigo René) e ás sucesivas decepcións que terá que afrontar. Viviremos xunto a el innumerables emocións e sentimentos (a amizade, a tristeza, a decepción, a rabia…) que Truffaut transmite cunha intensidade excepcional baseada no uso expresivo dos parámetros esenciais da creación cinematográfica.
Los cuatrocientos golpes, ademais, é unha película que ocupa un lugar fundamental na historia do cine, pois data o inicio da “Nouvelle Vague”, e con ela, do cine moderno. Unha obra de referencia para moitas xeracións de cineastas e cinéfilos, formados sentimentalmente tras os pasos de Antoine Doinel.
Paranoid Park, Gus Van Sant. Estados Unidos – Francia, 2007. 85 min.
Nesta aposta estética e narrativa de primeira orde, Gus Van Sant narra a historia de Alex, un mozo de quince anos afeccionado ao skate que, por un fatal accidente, mata a un vixilante de seguridade. Alex, incapaz de explicarllo a ninguén, encóntrase sumido nun estado que oscila entre a angustia e a sensación de irrealidade. Este terrible suceso atormentarao e transformará as relacións cos seus colegas e coa súa moza. A partir dese momento, nada terá sentido. Alex sentirase completamente só.
Máis alá do potente argumento que serve de motor do filme, Van Sant logra construír cinematograficamente o mundo interior dun adolescente, coas súas dúbidas, medos, tristezas e inseguridades. Coa última película dedicada ao universo xuvenil despois de Elephant e Gerry, o cineasta logra erixir un retrato fermosísimo da soidade de xuventude.
La escurridiza o cómo esquivar el amor, Abdellatif Kechiche. Francia, 2004. 117 min.
Krimo é un mozo de quince anos que vive nun barrio da periferia parisiense. Ao seu redor, os seus amigos, os compañeiros, a nai, e Lydia, unha compañeira de clase de quen namora. Ela ensaia con paixón unha obra de teatro que preparan coa profesora de francés. Para conquistala (ou talvez só para estar con ela), Krimo “págalle” a un compañeiro para que lle ceda o seu papel, o do Arlequín namorado. Pero cando intenta interpretalo, séntese incapaz: non lle saen nin os xestos, nin as palabras, nin os movementos…
Na súa segunda longametraxe, Kechiche filma os axitados diálogos dos mozos, a súa vida cotiá, os seus malentendidos e esperanzas, o desconcerto de Krimo, a enerxía e a paixón da mocidade, con dúas cámaras DV tan rápidas e áxiles como os diálogos dos seus protagonistas. Planos moi curtos, moi próximos aos personaxes, tomados ao voo. Unha película enérxica, exultante de vida, e un retrato –afastado dos tópicos aos que a televisión e moitas películas nos teñen afeitos– dos mozos das periferias. Unha narración centrada en dous protagonistas claros (Krimo e Lydia) e ao mesmo tempo un relato coral que nos dá a ver moito da vida dun barrio, un instituto, uns mozos.
La soledad del corredor de fondo, Tony Richardson. Reino Unido, 1962. 99 min.
Tom é un mozo de clase obreira que vive nun suburbio de Nottingham. A película relata os seus días nun reformatorio, onde está recluído despois de roubar nunha panadaría. O seu excepcional talento como atleta e a ambición do director do centro, que quere gañar por vez primeira a carreira que se celebra cada ano contra un importante colexio privado, valeranlle o privilexio de gozar dalgúns momentos de “liberdade”: Tom poderá saír a correr só polo bosque.
Nesta emblemática película do “Free Cinema” -o movemento británico de renovación do cine documental e de ficción paralelo á “Nouvelle Vague”-, Tony Richardson retrata a amargura e a enerxía, o rancor e a ousadía, a angustia e o orgullo, dun mozo que encontra na loita e na vinganza contra o sistema a súa forma de levar o peso dunha contorna familiar conflitiva e un pasado que o atormenta (e que o cineasta recolle cun uso intenso e ata frenético do flash-back).
Million Dollar Baby, Clint Eastwood, Estados Unidos, 2004, 132 min.